Monday 06 de May de 2024

Trenor presiduiu a firma dos convenios cos alcaldes dos concellos integrados no Plan de Transporte Metropolitano de Ferrol cun investimento autonómico de 3,7 millóns de euros


A Xunta financiará as bonificacións nos billetes, os transbordos e os descontos a usuarios recorrentes e familias numerosas coa achega de máis de 927.000 € ao ano

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, presidiu a firma dos convenios de transporte metrolitano cos alcaldes que integran este plan na delegación da Xunta e desprazouse ata o Concello de Ferrol para recoller a sinatura do seu rexedor, Ángel Mato. Trenor lembrou que este plan está integrado pola Xunta e os concellos de Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Ferrol, Miño, Mugardos, Narón, Neda, Pontedeume e Valdoviño.
O delegado da Xunta recalcou que “estes acordos de colaboración para o desenvolvemento conxunto do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia na Área de Ferrol, contan cun investimento da Xunta superior aos 3,7 millóns de euros para os vindeiros 4 anos. A través destes convenios a Xunta achegará anualmente de máis de 927.000 euros para financiar os descontos nos billetes, os transbordos e as bonificacións adicionais a usuarios recorrentes e membros de familias numerosas!.
Entre os 11 concellos integrantes desta Área de transporte, que xa referendaron oficialmente este novo convenio, achegarán preto de 353.000 euros.
O obxectivo do convenio asinado hoxe é garantir a continuidade deste plan social en condicións similares ás que se aplican desde a súa posta en marcha en 2011.
No marco do Plan de Transporte metropolitano, o Goberno galego contribúe co 80% da bonificación no traxecto principal e os concellos co 20% restante. Ademais, a Xunta financia o 100% dos transbordos e os descontos adicionais aos usuarios habituais (15%) e familias numerosas, ata o 50%.
Neste sentido, este Plan permitiu que entre o 2017 e o 2019 aumentase un 10% o número de viaxes realizadas dentro do Plan de Transporte Metropolitano de Ferrol, superándose o ano pasado a cifra de 2,65 millóns de viaxes bonificadas.
Este plan social supón que na actualidade máis de 71.400 veciños da área da Ferrol se beneficien xa dos descontos da Tarxeta de Transporte Metropolitano, TMG, nos seus desprazamentos cotiáns, coa que poden acadar aforros de ata 1.200 euros ao ano.

No caso da área de Ferrol, o Plan de Transporte Metropolitano inclúe tamén os servicios ferroviarios de Feve, polo que a Xunta tamén renovará do convenio con Renfe para manter a integración desta liña no sistema de transporte metropolitano entre os concellos integrados, cun orzamento de preto de 27.000 euros.
Máis de 9.600 mozos viaxan gratis

Ademais na Área de Transporte de Ferrol tamén hai máis de 9.600 mozos menores de 21 anos que viaxan de balde en autobús coa tarxeta Xente Nova.
A Xunta prevé culminar a mediados de 2021 a extensión da tarxeta Xente Nova e da TMG a
todas as liñas de autobús da comunidade.
O acordo aprobado hoxe renova e reforza a promoción do transporte público colectivo na área de Ferrol, ao tempo que a Xunta continúa avanzando cara á implantación da Área deTransporte de Galicia, que suporá estender os beneficios das grandes áreas de transporte metropolitano ao conxunto do territorio.
A Área de Transporte de Galicia suporá a activación dunha mesma tarifa en toda a Comunidade, despenalizando os transbordos, incluídos aos que impliquen ao autobús urbano, que serán bonificados ao 100% polo Executivo autonómico.
O Goberno galego continúa apostando polo fomento do uso do transporte público en detrimento do vehículo particular, o que supón importantes aforros económicos para as familias e vantaxes sociais e medioambientais para os cidadáns.